Friday 19 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño volve solicitarlle a Infraestruturas a conexión peonil de Currás co centro urbano e o ancheado da ponte de Cornide


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse hoxe ata San Sadurniño para ver no sitio a marcha das obras de ampliación da estrada de Ortigueira entre o noso concello e o Campo do Hospital, en Cerdido, que veñen sendo a primeira fase da mellora da AC-862 que máis adiante continuará coa segunda, desde o Campo do Hospital até Ponte Mera, en Ortigueira, cuxo trámite de exposición pública comeza tamén hoxe. O alcalde, Secundino García, aproveitou o encontro para recordarlle de novo á consellaría que se tivese en conta o enlace das beirarrúas do Outeiro coas que se construirán no acceso ao campo dos Currás, ademais de instar ao departamento autonómico a que busque unha solución de accesibilidade para salvar a ponte de Cornide.

O encontro de Ethel Vázquez con representantes municipais e políticos dos concellos afectados polo proxecto produciuse á altura de Prospes. Alí a Xunta tiña preparada unha pequena carpa cun panel informativo sobre as obras que se están executando nestes momentos e que, segundo os responsables da UTE Ponte Mera, se completarán algo máis tarde do previsto inicialmente. O ano pasado calculábase que o tramo San Sadurniño Campo do Hospital podería estar rematado no mes de maio de 2022 e agora, despois de bater coa realidade do terreo e acumular xornadas de mal tempo que impediron traballar ao ritmo desexado, a empresa sostén que a conclusión se adiará até o verán como moi cedo.

A Xunta inviste neste proxecto preto de 7,2 millóns de euros coa finalidade de ampliar carrís de adiantamento e rectificar curvas ao longo de 17,5 quilómetros divididos no plano en catro tramos onde nos últimos 11 meses -as obras arrancaron oficialmente en decembro de 2020– se fixeron principalmente desmontes de noiros e labores de afirmado do terreo.

O treito de San Sadurniño son aproximadamente 2,2 quilómetros de estrada á que se lle dará máis ancho entre o actual acceso ao campo de Currás e Prospes, e desde a saída de Prospes até case chegar a Riboira, co obxectivo de crear dous novos carrís para vehículos lentos.

Ademais, o deseño elimina o cruzamento de acceso á piscina e o campo de fútbol. Para iso trazouse unha vía de servizo paralela de case 300 metros que obrigará a entrar e saír por ela máis abaixo, nun punto cerca xa do Outeiro con maior visibilidade e cos correspondentes carrís de espera para xirar á esquerda.

Xa en 2020 a consellaría mostrouse receptiva á idea de conectar esa nova vía de servizo co cabo das beirarrúas do Outeiro, un tema que García volveu exporlle hoxe de novo a Ethel Vázquez a xeito de recordatorio. “A conselleira e a empresa adxudicataria parece que teñen vontade de que se faga esa obra que non viña recollida no proxecto. Desta maneira poderíamos completar un novo circuíto a pé desde o centro urbano ata Currás e reforzar a seguridade peonil nese punto da estrada de Ortigueira”, asegurou o alcalde.

Ponte de Cornide
Por outra banda, Secundino García tamén comentou coa conselleira e con responsables da AXI que acudiron ao acto a “necesidade urxente” de buscar unha solución para o tránsito peonil na ponte de Cornide.

Como se recordará -e como se pode ver na actualidade-, a ponte da AC-862 sobre o Xubia non cumpre coas condicións de accesibilidade para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida. Quen vén de Cornide cara ao centro urbano ou para entrar no paseo fluvial -ou quen fai o camiño á inversa- atopa que o camiño se estreita xusto nese punto. A beiravía é alí un carreiro de cemento onde, ademais, no seu día se instalaron os soportes metálicos da bionda que o separan da estrada, reducindo aínda máis o espazo dispoñible.

“Para corrixir este problema hai que ampliar a plataforma uns centímetros, darlle máis ancho para que a xente poida cruzar a pé con total seguridade aínda que vaia en silla de rodas. Solicitámosllo á Xunta por escrito en 2020 e hoxe recordeille a demanda á conselleira para que a Axencia Galega de Infraestruturas busque unha solución para este tramo de 20 metros. É un problema grave de accesibilidade nun percorrido de case un quilómetro de distancia polo que todos os días pasa moita xente”.

Secundino García tamén solicitou que esas obras inclúan o acondicionamento da pasarela de madeira que discorre ao carón do Muíño do Pepe, “construída pola Xunta, pero que estamos mantendo e reparando desde o Concello a cada pouco”. Segundo o alcalde, Vázquez instou ao Concello a que contactase coa Xefatura Territorial da consellaría de cara a estudar tanto esta cuestión como a da ponte.